1.8.13

Nin é festa nin é nacional! Touradas non! 4 de agosto manifestación contra as touradas!

As moz@s de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, mobilizámonos desde sempre pola eliminación das touradas na Coruña, en contra do maltrato animal que representan e da asimilación da cultura española coa que se empregan na nosa terra. Desde a nosa organización lamentamos a recente negativa do parlamento galego a abolir as touradas, grazas aos votos do PP, esiximos á Xunta unha clara defensa da cultura popular galega e demandamos do Concello da Coruña unha oferta de lecer que teña en conta a mocidade e que aposte pola cultura galega e a educación en valores, que nada teñen que ver coa tortura e a crueldade cos animais.


Nun contexto de crise económica como o que padecemos, desde Galiza Nova consideramos un insulto que este tipo de espectáculos se promocionen e subvencionen a través de cartos públicos mentres se recortan servizos sociais básicos para a maioría da poboación, como por exemplo no ensino, na sanidade e os servizos sociais, e que ao mesmo tempo os que o avalen, sexan os hipócritas autores do discurso falaz da «austeridade».

O debate xa é de vello, como ben amosa a ilustración de Castelao no álbum Nós, titulada Que lástema de bois! Nese sentido, Galiza Nova da Coruña seguira a se mobilizar e a defender unha cidade libre de touradas e por iso animámoste a te sumares a nós e a que participes da manifestación convocada para o vindeiro 4 de agosto desde o Obelisco até a praza de María Pita contra as touradas.

Séguenos por correo

Arquivo do blogue