22.6.12

Galiza Nova asina o manifesto contra as touradas "Moz@s pola abolición" impulsado por "Galiza mellor sen touradas"

Nin é festa, nin é nacional! Touradas non! Difúnde o o manifesto "A mocidade galega, radicalmente contra a tauromaquia! O FUTURO: ABOLICIÓN"



As touradas son un espectáculo macabro, cruento e trasnoitado que fainos envilecer como sociedade. Ao longo da Historia demóstrase como a tauromaquia non representa o sentir dos pobos e vai desaparecendo da xeografía mundial, reducindo o seu ámbito de contaminación a cada vez menos estados.


A tentativa de seguiren fomentando a barbárie taurina, valéndose de medios de comunicación de masas e declaracións de "interese cultural" fracasará unha e outra vez fronte unha mocidade activa, informada e reivindicativa que non está disposta a deixarse enganar durante máis tempo.

As mozas e os mozos galegos rexeitamos de xeito maioritario e radical a celebración deste tipo de actividade na nosa terra, entendendo que non forman parte da nosa cultura nen da nosa idea de respeto cara os animais, como demostran as diferentes enquisas e estudos de opinión que se elaboran dende os últimos anos. Asi mesmo rexeitamos que se subsidie, promocione ou colabore dende as institucións e administracións públicas ao mantemento e celebración, artificial por suposto, da tauromaquia.

Porque torturar e mutilar a un animal herbívoro non pode ser unha forma de ocio nen de cultura. Por iso, as organizacións asinantes propomos:
- A fin de calqueira clase de subsidio ou axuda económica ou doutra tipoloxía para contribuir a realización de festexos taurinos no territorio galego
- O desenvolvemento de iniciativas para impedir o acceso ás persoas menores de idade a este tipo de actividade
- Manifestar o noso apoio ás iniciativas sociais e políticas que procuran a abolición destes espectáculos

Temos a vontade de afrontar o proceso social e lexislativo necesario para rematar cos festexos taurinos en Galicia, e por iso facemos unha chamada para unir esforzos e ideas a prol da abolición.

En Santiago de Compostela, a 22 de Xuño de 2012

Séguenos por correo

Arquivo do blogue