27.7.12

4 de agosto, ás 19h na praza de María Pita, concentración contra as touradas na Coruña!

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, mobilizámonos desde sempre pola eliminación das touradas na Coruña, en contra do maltrato animal que representan e da asimilación da cultura española coa que se empregan na nosa Terra. Desde a nosa organización esiximos á Xunta unha clara defensa da cultura popular galega e demandamos do Concello da Coruña unha oferta de lecer que teña en conta a mocidade e que aposte pola cultura galega e a educación en valores, que nada teñen que ver coa tortura e a crueldade cos animais.

Nun contexto de crise económica como o que padecemos, desde Galiza Nova consideramos un insulto que este tipo de espectáculos se promocionen e subvencionen a través de cartos públicos mentres se recortan servizos sociais básicos para a maioría da poboación, como por exemplo no ensino ou na sanidade, e que ao mesmo tempo os que o avalen, sexan os hipócritas autores do discurso falaz da «austeridade».



O debate xa é de vello, como ben amosa a ilustración de Castelao no álbum Nós, titulada Que lástema de bois mais, a pesar dos anos, o PP pretende seguir potenciándoo e ameázanos cunha iniciativa para declarar as touradas coma ben de interese cultural nas Cortes Xerais do Estado.

Nese sentido, Galiza Nova da Coruña seguira a se mobilizar e a defender unha cidade libre de touradas e por iso animámoste a te sumares a nós e a participares da concentración convocada para o vindeiro 4 de agosto na praza de María Pita contra as touradas.

Séguenos por correo

Arquivo do blogue